A eclipse do darwinismo

A eclipse do darwinismo é o nome que se lle deu a un período entre finais do século XIX e principios do XX en que a explicación darwinista da evolución por selección natural perdeu apoios entre a comunidade científica. Julian Huxley utilizou a frase "a eclipse do darwinismo"[a] para describir a situación no estudo da evolución antes do que el chamou a síntese moderna; nese período da eclipse a evolución fora xeneralizadamente aceptada nos círculos científicos pero poucos biólogos crían que a selección natural fose o seu mecanismo primario.[2][3] Historiadores da ciencia como Peter J. Bowler utilizaron a mesma frase como etiqueta para o período da historia do pensamento evolucionista desde a década de 1880 ata arredor de 1920, cando se desenvolveron e exploraron alternativas á selección natural, xa que moitos biólogos consideraban a selección natural unha idea incorrecta de Charles Darwin, ou polo menos de importancia relativamente menor.[4][5] Propúxose o termo alternativo a interfase do darwinismo, para evitar a implicación en gran medida incorrecta de que a suposta eclipse fora precedida dun período de vigorosa investigación darwinista.[1]

Aínda que ao longo do século XIX houbo moitas explicacións da evolución como o vitalismo, o catastrofismo e o estruturalismo, ao chegar ao século XX estaban vixentes as seguintes:

  • A evolución teísta, que era a crenza de que Deus guiaba directamente a evolución. (Isto non debería confundirse co uso máis recente do termo evolución teísta, que se refire á crenza teolóxica na compatibilidade entre a explicación científica da evolución e a relixión.)
  • O neolamaramarckismo, que foi a idea de que a evolución é impulsada pola herdanza dos caracteres adquiridos durante a vida do organismo.
  • A ortoxénese, que era a crenza de que os organismos eran afectados por forzas internas ou leis do desenvolvemento que guían a evolución en direccións determinadas.
  • O mutacionismo, que era a idea de que a evolución era en boa medida o produto de mutacións que creaban novas formas ou especies nun só paso.

A evolución teísta case desapareceu da literatura científica a finais do século XIX, xa que as apelacións directas a causas sobrenaturais considerábanse fóra do método científico. As outras alternativas tiñan un significativo seguimento xa ben entrado o século XX; a liña principal da bioloxía abandonounas esencialmente cando os desenvolvementos da xenética as fixeron cada vez máis insostibles, e cando o desenvolvemento da xenética de poboacións e a síntese moderna da evolución demostraron o poder explicativo da selección natural. Ernst Mayr escribiu que aínda na década de 1930 a maioría dos libros de texto salientaban os mecanismos non darwinistas.[6]

  1. 1,0 1,1 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Largent
  2. (Huxley 1942, pp. 22–28)
  3. (Bowler 2003, pp. 196, 224)
  4. (Bowler 1983)
  5. (Quammen 2006, pp. 216–223)
  6. (Mayr & Provine 1998, p. x)


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search